Saturday 27 de April de 2024

Trenor participou na presentación do Festival Atlantic Bridge Jazz- Portus Apostoli incluido no programa “O Teu Xacobeo”


Os concertos terán lugar o 14 de xullo en Vitoria e o 17 de xullo en Noia

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, presentou esta mañá o festival Atlantic Bridge Jazz – Portus Apostoli que se celebrará o 14 de xullo en Vitoria e o 17 de xullo en Noia.

Trenor explicou que esta iniciativa consiste na edición discográfica do albúm “Portus Apostoli” ademais da súa promoción nestes dous concertos. Este proxecto contou cun apoio da Xunta de máis de 18.000 euros.

O delegado da Xunta destacou que o Portus Apostoli é un albúm de música de jazz que toma o seu nome da primeira suma de composicións orixinais e propias dos músicos do Atlántic Bridge Jazz Proyect que tocaron xuntos na vila de Noia por primeira vez en agosto de 2018. Este encontro propiciado e impulsado por músicos galegos é a expresión de altísima calidade e actualidade plena dunha linguaxe artística con raíces, expresa unha Galicia contemporánea e aberta ao mundo, acolledora.

O obxectivo do proxecto, recalcou o delegado, “é contribuír á celebración do Xacobeo 2021-2022 e ao coñecemento e promoción de Galicia, de Noia e das rutas marítimas a Compostela, facendo presente este festival”.

Trenor destacou que “O teu Xacobeo” suma máis de 400 propostas socioculturais nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 2021-20212 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible.